VISITAS

PROPOSTA 13. AUTOBIOGRAFÍA
Belén Martín Franco enviounos os traballos do seu alumnado do IES Fonmiñá, nos que o poema "Tarxeta de visita" de Manuel María lles serve de inspiración; aquí vos deixamos a ligazón para poder ler as súas creacións: 
https://drive.google.com/file/d/0B8Ohcym3bJ_hZnpDa0dwNGVfd1k/view?usp=sharing

Moitísimas grazas e parabéns polo voso traballo!

Alguén máis se anima? 

PROPOSTA 14. VISITAS Á CASA DE MANUEL MARÍA 
Aquí temos as impresións do alumnado do IES Fonmiñá, despois de realizar unha visita á casa de Manuel María no curso pasado:


“O luns 20 de abril fomos a Outeiro de Rei visitar a casa de Manuel María. Primeiro, percorremos as distintas estancias acompañados do guía. En cada unha das habitacións estaban colocados os mobles e os cadros tal e como cando el vivía. Chamoume a atención a grandísima cantidade de libros e que estaban ordenados coma el os tiña. Despois, vimos un pequeno documental sobre como era a casa antigamente. Por último, saímos apra ver os arredores da vivenda e alí atopámonos con Pepa, a cuñada de Manuel María, que se alegrou moito de que fosemos por alí e estivo un anaco falando con nós e lembrando anécdotas sobre a vida naquela da casa tempo atrás. Foi  unha visita xenial!” NEREA IGLESIA VILA
“… Sorprendeume que a casa de Hortas tivese cento trinta anos porque co reformada e ben coidada que estaba, non o parecía, pero o mellor foi o interior: cada recuncho, cada habitación era unha parte da vida e personalidade de Manuel María, cada obxecto, cada moble, tiña un significado. Iso foi o que máis me gustou, que a casa estivese chea de significados e lembranzas que nos levaban a Manuel María e á súa vida. Supoño que quen se queira sentir máis cerca del ten que ir visitar esa casa. O que máis me gustou foi a ventá da Arcadia, pareceume moi orixinal. O guía, Fran, foi moi bo con nós, tratounos moi ben e quedei impresionada coa chea de cousas que sabía…”   LAURA IGLESIAS.
“….recibíronnos na antiga palleira da casa, transformada nun pequeno auditorio onde nos explicaron como sería a visita. Logo, pasamos ao que sería a entrada do fogar, o antigo comedor, á cociña. No segundo andar visitamos o cuarto e a cama onde naceu, o seu cuarto, despois pasamos ao seu pequeno escritorio onde estaban todos os libros colocados exactamente coma os tiña el. Pasamos ao salón e a unha sala onde estaban todas os seus libros (….) Ao final visitamos a corte, convertida en biblioteca…” IVÁN GARCÍA TEIXEIRA.
“…O que máis me gusto da visita, á parte da casa, que é moi grande e moi bonita, foi Pepa, a cuñada de Manuel María, unha señora moi cariñosa e boa.” SANDRA EIRAS.
“… fomos ben acollidos por Fran, que fixo unha pequena presentación do que iamos ver, logo ensinounos a casa, moi bonita, grande e con mobles preciosos, e despois vimos un vídeo. Antes de marchar falamos con Josefa (Pepa), a cuñada de Manuel María, que nos contou historias de cando o escritor era rapaz e das pelexas cos seus irmáns…” ZOBAIDA EL HIDAM.
“… Estivemos visitando a casa onde Manuel María pasou a súa infancia. Había un cuarto onde tiña todos os libros que foi lendo ao longo da súa vida (…)  Ao final estivemos falando con Pepa, que era a cuñada de Manuel, que estivera vivindo nesa casa ata hai poucos anos. É unha muller encantadora que nos explicou as cousas e gustos de Manuel María. En resume, gustoume moito e desexaría volver outro día.” SILVIA OBARRIO.
“…. A casa era moi bonita por fóra e cando entramos estivemos vendo toda a casa, que era preciosa e grande. O que máis me impresionou foi a cantidade de libros que tiña, tamén me gustou moito as vistas que tiña o balcón….” LAURA VILLAMEL VILLAPOL.
“…esta casa na que ata hai uns anos vivía a familia de Manuel María, converteuse nunha casa-museo na vila de Outeiro de Rei. Era una casa de labregos ricos. Por ela pasaron moitas persoas importantes (…) Tamén coñecemos a Fran, o guía, un home simpático e de moitas palabras que nos acompañou e nos explicou todo sobre esa fermosa casa.” HUGO RIGUEIRO ÁLVAREZ.
“…. Ao chegar, un rapaz contounos algo sobre Manuel María e a súa viúva, Saleta. Despois os de 4º quedaron vendo un vídeo mentres os de 3º fomos ver as habitacións unha por unha. O que máis me chamou a atención foi a colección de navallas que tiña, xa que ningunha se repetía. En acabando a nosa visita, os de 4º tomáronnos o relevo e quedando vendo o vídeo mentres eles ían ver a casa….”
JONATHAN MACHADO LOSADA.
“…Unha casa labrega moi grande situada detrás do Concello, coñecida coma a Casa de Hortas. O noso guía contounos moitas cousas do escritor: as súas experiencias, o que lle gustaba e o significado de moitos mobles…”
ÁLEX IGLESIAS MÉNDEZ
“….unha vez que entramos, Fran explicounos como foi a vida de Manuel María, e como foi que xurdiu facer da casa un museo  grazas a Saleta, a súa viúva. Logo amousounos a casa que, por certo, era impresionante o bonita que estaba e tamén foi precioso poder ver as cousas persoais de Manuel María (…)  Tivemos a gran sorte de coñecer a Josefa, a cuñada de Manuel María, tamén chamada Pepa a de Hortas. Para min poder escoitar a Pepa falar de Manuel foi moi bonito, falaba del con moito cariño…”  NEREA SECO EDREIRA.
“Na visita á casa de Manuel María, “Casa de Hortas”, paseino xenial, foi moi interesante xa que aprendemos cousas que non sabíamos del. O que máis me impresionou foron as moreas de libros que alí había, iso si, ben colocadiños. (…) Outra cousa que me gustou foi poder ter a oportunidade de falar con Josefa, coñecida en Outeiro de Rei por “Pepa de Hortas”, que nos contou moitas historias de Manuel María. Ao escritor tamén lle gustaba moito o lacón de porco.” MICHAEL SECO EDREIRA.
“… A min gustoume moito a visita porque estivo moi interesante todo o que vimos na casa. Fran era o encargado de nos ensinar a casa e contounos como fora a vida de Manuel María alí, na Casa de Hortas. O que máis me chamou a atención foi a cantidade de libros que tiña…” CHRISTIAN OTERO PÉREZ.
“ A visita gustoume moito, é unha casa preciosa moi ben conservada. Cando chegamos, o guía explicounos un pouco como era Manuel María. (…) Pasamos ao salón onde recibían as visitas, despois a unha sala onde tiñan todas as publicacións de Manuel María en vitrinas; logo, a unha sala onde tiñan fotos e premios que recibira (…) Finalmente vimos unha curtametraxe sobre o autor que recibiu o premio Mestre Mateo. Tamén falamos con Pepa, a cuñada de Manuel María, que nos contou moitas anécdotas do autor e dos seus amigos.” NOELIA OTERO FERNÁNDEZ.
“….Os de 3º fomos os primeiros en visitar a casa. Vimos o cuarto onde naceu, o seu despacho onde escribía os poemas. Despois, o que máis me chamou a atención foi a multitude de libros que tiña en galego (…) Foi unha visita moi bonita.” ANA BELÉN CORREDOIRA.

Moitísimas grazas pola colaboración!


KAMISHIBAI
Non vos perdades o kamishibai que nos enviaron desde o CEIP Plurilingüe A Pedra de Bueu, Pontevedra. Está realizado polo alumnado de 3º e 4º de EP para ser contado en diferentes lugares da vila.
Moitas grazas a Ami por mandalo!
Aquí o podemos ver:
KAMISHIBAI CEIP A PEDRA DE BUEU 

Ningún comentario:

Publicar un comentario