13. AUTOBIOGRAFÍA

Belén Martín Franco, profesora do IES Fonmiñá (A Pastoriza) deunos a idea desta sección (e mais da proposta “visita á casa de Manuel María”), que consiste en artellar poemas autobiográficos, a partir de dous de Manuel María, que reproducimos aquí:

Carné de identidade
Eu son Manuel María.
Nacín no 29, o 6 de Outono,
en Outeiro de Rei da Terra Chá.
Son dunha caste rexa de labregos
fieles á súa terra e ao seu Deus.

Agora son un namorado.

Eu son Manuel María,
cantor da Terra Chá que algúns din.
Cantor da terra chá que leva un
clavada nas entrañas, penso eu.

Eu son Manuel María,
labrego con algo de poeta.
Por eso gardo as albas
no fondo dos meus ollos
e ando de vagar o meu camiño,
e pídolles ás cousas a súa tenrura
e aos homes pídolles verdade.

Non teño máis tarefa:
son unha humilde folla que salaia
na noite escura movida polo vento.
Eu son Manuel María,
un son tan só, lonxano e feble.
       Documentos personaes (1958)

Tarxeta de visita
Manuel María –xa o sabedes- é o meu nome
feble, corto, esguío e tan desamparado
que sempre o usei sen apelidos.
Un nome humilde como a brisa que fai
ondear as centeeiras, unha folerpiña
de neve –un salouco só que o ar desfai-
que non pode chegar ao chao sen derreterse.
Un nome como tantos, sinxelo e do pobo.
Polos Hortas apelídome Fernández,
vella casta xunguida á terra dende sempre
no meu Outeiro de Rei da Terra Chá.
Por parte de nai son Teixeiro, familia
de labregos, que aínda vive no vello
casal de Vilanova, perto a Lugo,
na parroquia que din de Sanamede.
De neno prendeume o Miño coa súa música
e puxo no meu corazón vellos cantares.
Teño xa moitísimos anos repartidos
en alegrías, tristuras e fracasos.
Publiquei algúns libros. Son casado.
Levo barba entrecana para tapar o medo
que, como un verme, roe o meu sosegó.
Procurador de oficio. Gáñome a vida
-e tamén o noxo e a desesperanza-
coa miña profesión e outras tristezas.
Agora vivo en Monforte para o que gusten,
coidando o amor, a comprensión, a fe
nos homes, na Terra e mais na fala.
Carezo de títulos importantes. Non
teño vocación para arquivar diplomas
que son febles papeis –fume de nada-
que sempre rematan no faiado
irremisibelmente roídos polos ratos.
Toda a miña ilusión é ir tirando.
E se falo de min é para dicir
que aínda estou vivo, sano e salvo.
                        Remol, 1970


Tal como fixo Belén Martín Franco co seu alumnado, trátase de que, inspirándonos nestes poemas de Manuel María, creemos as nosas propias autobiografías. Podedes ver os exemplos que nos achega esta profesora na pestana “visitas”.
Podedes “engadir comentarios” ou enviar as vosas achegas a bepeal1@gmail.com.

Moitas grazas!
EDLG do CPI Luís Díaz Moreno